Peche reivindicativo no CEIP San Clemente: "Se a Xunta nos pecha a unidade, nós pechámonos no cole”

Umia
17 de xuño 2025

As familias, equipadas con sacos de durmir, colchóns e comida, pecháronse no centro coa intención de facer noite nas instalacións

Peche reivindicativo no CEIP San Clemente
Peche reivindicativo no CEIP San Clemente / Comunidade educativa CEIP San Clemente

A comunidade educativa do CEIP San Clemente de Caldas de Reis segue pé de guerra pola supresión da terceira unidade de Educación Infantil.

Este martes un grupo cunha trintena de persoas entre pais, nais e alumnado iniciou un peche simbólico e reivindicativo no centro educativo.

Equipados de sacos de durmir, colchóns, comida e bebida, a súa intención anuncian é facer noite no interior das instalacións empezando pola aula de infantil que este curso se desdobrou "a través dun parche" e que se a Consellería de Educación mantén a súa postura "o ano que vén estará pechada pese a contar con solicitudes suficientes para reabrila".

Unha protesta que afrontan cun lema:"Se a Xunta nos pecha a unidade, nós pechámonos no cole".

Quéixase a comunidade escolar que Educación, en lugar de emendar un erro admitido pola Consellería, opta por unha "fuxida cara adiante" mantendo o recorte "mesmo incumprindo os seus criterios ou a palabra dada á Valedora do Pobo", sinalan.

Nunha recente intervención no Parlamento de Galicia, o conselleiro Román Rodríguez, defendeu que a oferta existente actualmente en Caldas de Reis é suficiente para atender á demanda xa que para o próximo curso recibíronse 64 solicitudes para 101 prazas ofertadas en 4º de Educación Infantil. Ademais afirmou que os nenos empadroados en Caldas obtiveron praza no centro solicitado como primeira opción e que os excluídos procedían doutros municipios como Valga e O Porriño.

Neste sentido o grupo de pais e nais do CEIP San Clemente responde asegurando que esas vacantes están ou ben en colexios concertados relixiosos ou en centros que son públicos pero sen posibilidades de conciliación a través de comedor escolar.

Desde a comunidade educativa convidan os veciños de Caldas de Reis a sumarse ás protestas convencidos de que a supresión da unidade de infantil é o primeiro paso no desmantelamento do centro.