Anuncian 410.000 euros de investimento no CEIP San Clemente en pleno debate sobre a aula de Infantil suprimida

Umia
11 de xuño 2025
Actualizado: 17 de xuño

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, realizou o anuncio no Parlamento como resposta a unha pregunta do PSOE sobre a polémica supresión dunha unidade de educación infantil no centro

Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia
Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia / Xunta de Galicia

A polémica pola supresión dunha unidade de educacion infantil no CEIP San Clemente de Caldas de Reis chegou este mércores ao Parlamento de Galicia.

Fíxoo a través dunha pregunta formulada no pleno da cámara polo Partido Socialista, que por medio de Paloma Castro criticou a "decisión errática" da Consellería de Educación, á que instou a cumprir os compromisos adquiridos coa comunidade educativa do centro.

Castro asegurou que o familiar que levan os seus fillos a este colexio "non merecen ser cidadáns de segunda" e si "seguir vivindo na súa parroquia cun colexio que teña as mesmas condicións que outros das grandes cidades".

A resposta do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, foi anunciar un investimento de máis de 410.000 euros no CEIP San Clemente.

Trátase dunha actuación, que se saca a licitación este mesmo mércores, coa que se pretende mellorar o illamento térmico do centro co recheo da cámara de aire da fachada, así como a substitución da súa cuberta e o illamento do baixo cuberta e do falso teito do comedor. Tamén se renovarán xanelas, instalaranse LED con detectores de movemento, unha bomba de calor aerotérmica no comedor, reformarase o aseo de profesores e colocarase un tabique móbil acústico entre a biblioteca e a aula contigua.

No que respecta á polémica polas prazas escolares en Caldas de Reis, Rodríguez defendeu que a oferta existente actualmente en Caldas de Reis é suficiente para atender á demanda xa que para o próximo curso se recibiron 64 solicitudes para 101 prazas ofertadas en 4º de Educación Infantil. Ademais afirmou que os nenos empadroadas en Caldas obtiveron praza no centro solicitado como primeira opción e que os excluídos procedían doutros municipios como Valga e O Porriño.

O debate parlamentario foi seguido presencialmente por un grupo de pais e nais da comunidade educativa do CEIP San Clemente, que se desprazaron ata Santiago de Compostela do mesmo xeito que o alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, e mantiveron un encontro co portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro.

Reunión de pais e nais do CEIP San Clemente co portavoz do PSOE
Reunión de pais e nais do CEIP San Clemente co portavoz do PSOEPSdeG-PSOE

Estas familias manteñen que a aula suprimida por Educación contaba co número suficiente de matriculacións segundo os propios criterios da Xunta, e foi pechada tras un erro administrativo recoñecido. Quéixanse ademais de que se tente xustificar a decisión con novos argumentos.