A comunidade educativa do CEIP San Clemente en Caldas de Reis continúa coa súa loita. Un grupo de nais e pais desprazarase este mércores 11 ao Pazo do Hórreo para presenciar a intervención do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante a sesión plenaria do Parlamento de Galicia.
O responsable da Consellería deberá responder a unha pregunta formulada pola deputada socialista Paloma Castro sobre a polémica supresión da Unidade de Educación Infantil no centro.
A aula, que contaba co número suficiente de matriculacións segundo os propios criterios da Xunta, foi pechada tras un erro administrativo recoñecido, pero non emendado, explican os afectados.
As familias consideran que a Xunta está tentando xustificar a decisión con argumentos novos e alleos á realidade do centro.
"Conselleiro, isto non é, como vostede di, ‘un tira e afrouxa’. Vostedes tiraron a nosa unidade pero nós non imos afrouxar", afirman con contundencia as familias afectadas.
A súa indignación aumentou logo das declaracións feitas por Román Rodríguez en Vilagarcía, onde argumentou que "hai case 40 prazas libres" na etapa de Infantil en Caldas, polo que "hai que racionalizar".
As familias rebaten estas cifras, asegurando que as prazas dispoñibles en outros centros non son equiparables ás do CEIP San Clemente, xa que moitos deles non contan con servizos de conciliación como comedor ou plan madruga. "Falemos de racionalización, pero falemos da racionalización aplicada á vida diaria das familias", denuncian.
A comunidade educativa lembra que, nun encontro celebrado o pasado 20 de maio co director xeral de Centros, Jesús Álvarez Bértolo, recibiron o compromiso de revisar a situación se se acadaba o número mínimo de matriculacións. A resposta oficial da Consellería chegou só a través dos medios de comunicación, sen diálogo directo nin novas reunións, lamentan as familias.
"Queremos recuperar a que xa é nosa, a que nos foi arrebatada por un erro da administración", insisten. As familias reclaman que se repoña a situación anterior e temen que, en caso contrario, estean diante dunha estratexia política para desmantelar o centro.