"Queremos que veñan, non que marchen", pide con debuxos o CEIP San Clemente

Umia
31 de maio 2025
Actualizado: 11:52

A comunidade educativa realizou este venres a iniciativa 'Debuxos pola unidade', coa que empapelaron o centro para reivindicar a devolución da terceira unidade de educación infantil

Debuxos pola Unidade instalados no CEIP San Clemente
Debuxos pola Unidade instalados no CEIP San Clemente / CEIP San Clemente

"Queremos a nosa terceira unidade", "devolvédenos o que é noso" ou "queremos que veñan, non que marchen". Son algunhas das mensaxes que desde este venres empapelan o enreixado do CEIP San Clemente de Caldas de Reis.

Forman parte da iniciativa 'Debuxos pola unidade', unha nova acción da comunidade educativa deste centro para reivindicar a devolución da terceira unidade de educación infantil retirada este curso académico.

A comunidade educativa insiste en que esta unidade foi "inxustamente retirada" pola Consellería de Educación, que, ademais, "incumpriu a súa promesa de devolvela para o vindeiro se -como así sucedeu- a matrícula o xustificaba".

A comunidade educativa valora a "gran resposta" desta nova acción, na que os protagonistas foron os máis pequenos, que secundaron "de forma masiva" a invitación a plasmar os seus desexos para o futuro do centro nun deseño.

Debuxos pola Unidade no CEIP San Clemente
Debuxos pola Unidade no CEIP San ClementeCEIP San Clemente

Foron máis de 100 os deseños realizados e a última hora deste venres, as familias empapelaron o enreixado do centro nun enorme mural.

Á reivindicación sumáronse, como adoita ser habitual nas accións reivindicativas da comunidade educativa, o alcalde de Caldas, Jacobo Pérez, e o tenente de alcalde, Manuel Fariña.

Os debuxos fixeron referencia, entre outros aspectos, aos escolares que non se poderán matricular o vindeiro curso no colexio polo peche da unidade.

A cormunidade educativa volverá pedir unha resposta da Xunta, xa que segue sen noticias dende o pasado día 20, cando o director xeral de Centros, Jesús Álvarez Bértolo, se comprometeu a volver a estudiar a situación do centro.