A comunidade educativa do CEIP San Clemente vén de comunicar que o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, comprometeuse cos seus representantes a estudar a posibilidade de recuperar a unidade de Educación Infantil suprimida a principio deste curso por un erro administrativo.
Trala reunión, de dúas horas de duración, na sede da Consellería en San Caetano, Álvarez Bértolo manifestou a súa disposición a volver a estudar a situación e tratala co conselleiro, Román Rodríguez.
Estas mesmas fontes destacan que o director xeral "non ofreceu ningunha data para a toma desta decisión".
No encontro tomaron parte a directora do centro, dous representantes da ANPA e unha do Consello Escolar, así como o voceiro e representantes do grupo municipal do PP en Caldas de Reis.
As familias celebrarán agora unha asemblea para tomar coñecemento do contido da reunión e decidir novos movementos.
A vindeira acción "festivo-reivindicativa" terá lugar xa este mesmo xoves, coincidindo coa conmemoración de Santa Rita.
A terceira unidade de Infantil foi suprimida no inicio deste curso, debido ao que se presentou como un "erro administrativo" ao contabilizar o número de matrículas. Porén, en lugar de corrixilo e repoñer a situación inicial, desde a comunidade educativa explican que Educación optou por "poñer un parche, unha profesora do Plan MEGA, e condicionar a reapertura da unidade á consecución de matrícula suficiente para o curso 2025-2026.
Chegado o prazo de matrícula, o colexio contaba con 11 solicitudes. A comunidade educativa indica que a consellería, "en lugar de cumprir o seu compromiso", decidiu deixar fóra a dous dos nenos. O seu argumento era, precisamente, "que non existía esa terceira unidade de Infantil onde poder inscribilos".
Ante o que consideran unha "inxustiza", e despois de recoller máis de 1.500 sinaturas en defensa da unidade, as familias mobilizáronse.