Unha procesión fúnebre cun féretro cheo de mochilas reclama a “resurrección" da aula pechada en San Clemente

Umia
08 de xuño 2025

"Que non pare a nosa loita, ata que resucite a unidade", pediron a través dun responso. Anuncian que o mércores irán ao Parlamento para escoitar as explicacións do conselleiro de Educación

Acto de protesta da comunidade educativa do CEIP San Clemente
Acto de protesta da comunidade educativa do CEIP San Clemente / Comunidade educativa CEIP San Clemente

A comunidade educativa do CEIP San Clemente de Caldas de Reis volveu xuntar este domingo centos de persoas para protestar pola eliminación da terceira unidade de educación infantil no centro. 

Nesta ocasión, realizaron unha procesión fúnebre na que pasearon pola contorna do colexio un féretro cheo coas mochilas do alumnado para pedir a resurrección da aula pechada.

Con este acto, quixeron simbolizar a morte da aula, "eliminada pola Xunta incumprindo os seus propios criterios" e pediron "conselleiro, escoita e rectifica".

Seguindo un imitador do Papa, 200 persoas corearon as súas reivindicacións e leuse un responso no que pediron "que non pare a nosa loita, ata que resucite a unidade".

A marcha partiu da igrexa de Santa Rita, situada nas proximidades do colexio, e estivo encabezada por dous nenos, un caracterizado como a morte portando o cartaz '3a Unidade' e outra cunha gran cruz.

Féretro con mochilas da comunidade educativa do CEIP San Clemente
Féretro con mochilas da comunidade educativa do CEIP San ClementeComunidade educativa do CEIP San Clemente

A caixa ía rodeada de coroas e ramos de flores e na procesión estivo acompañada por un grupo de músicos da Banda Municipal de Caldas entonando unha marcha fúnebre.

Entre as persoas asistentes estaban representantes dos tres grupos presentes na Corporación municipal, cunha nutrida representación socialista; o tenente de alcalde, o nacionalista Manuel Fariña; e o portavoz do PP, Fernando Pérez.

Este mércores 11 de xuño está previsto que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, responda no Pleno do Parlamento de Galicia sobre a situación deste centro. 

Unha representación das familias irá ese día ao Pazo do Hórreo para escoitar, en persoa, as explicacións do conselleiro.