Educación garante o futuro e as horas de inglés do CEIP San Clemente de Caldas

Umia
04 de agosto 2025

A comunidade educativa denunciou que só terán profesor de Inglés un día á semana. A consellería responde que "vai recibir exactamente as mesmas horas" que recibía o curso pasado

CEIP San Clemente
CEIP San Clemente /

A Consellería de Educación nega que o futuro do CEIP San Clemente de Caldas de Reis estea en perigo e garante a continuidade do centro e tamén das horas de inglés que recibe o alumnado. 

Este centro é plurilingüe e a comunidade educativa denunciou durante a fin de semana que, durante o vindeiro curso, só terán profesor de inglés un día á semana.

O profesor de inglés está compartido con outro centro e ata agora acudía ao San Clemente tres días á semana, pero, segundo a comunidade educativa, "no 25-26 farao soamente un único día".

En relación con esta denuncia, desde a consellería responde que o alumnado deste colexio "vai recibir exactamente as mesmas horas" de inglés que recibía o curso pasado.

Aseguran que "non pode ser doutro xeito", dado que a asignación de horas está establecida por normativa e que conta cos recursos necesarios para facelo. Polo tanto, "é falso que vaian cursar menos horas de inglés", afirman

Educación tamén nega que o futuro do centro estea en perigo. "Hai mesmo voces que poñen en dúbida o futuro do centro. É algo tamén absolutamente falso", aseguran.

De feito, sinalan que nestes momentos a Xunta de Galicia ten en licitación unha obra de mellora deste colexio por máis de 400.000 euros que inclúe a renovación da cuberta e parte das fiestras, illamento térmico na fachada e instalación de novas luminarias e falsos teitos, entre outras actuacións.

A obra, á que se presentaron dúas empresas, será adxudicada precisamente este mes de agosto.

Desde Educación insisten en que a Xunta de Galicia está "absolutamente comprometida" cun ensino de calidade neste colexio e aseguran que sobre este centro "adoitan" xerarse afirmacións que "non se corresponden coa realidade e que nos vemos na necesidade de desmentir"

Insisten en que estamos ante un centro con ratios moi por debaixo das ratios máximas, un colexio con poucos alumnos por clase, que a Consellería apoia e onde as decisións, como en calquera outro, "son adoptadas polos técnicos en base aos criterios establecidos".

"É un centro con numerosas prazas libres que, co profesorado actual, aínda podería atender máis alumnado", aseguran.