Coincidindo co mes de maio na provincia de Pontevedra os coches e camións circulan adornados con flores. E non só os vehículos, tamén, embarcacións, negocios ou as portas e xanelas das casas engalánanse con esta flor amarela. Son ramos de xestas, coñecidas en español como retamas e en inglés como broom, vasoira, pois con elas facíanas as meigas.
Algúns din que nas Rías Baixas celebramos así a eclosión da primavera, pero os nosos maiores apuntan que, ademais, é unha forma de protexerse contra o "mal de ollo" para "que non poida entrar o maio, nin collan o meigallo".
Coas xestas várrense as casas o día de san Xoan, para purificarlas e protexelas fronte aos malos espíritos.
Os pastequeiros, das parroquias de Bértola e Tomeza, ordenan ás persoas que sofren do meigallo que, durante tres mañás consecutivas, en xaxún, varran a súa casa cunha escoba de xesta. O po e os restos do lixo que recolleu, debe depositalos nun papel e dirixirse á beira dun río; unha vez alí, por encima da súa cabeza e de costas ao río, tirar estes refugallos ao río, á vez que pronuncia unha fórmula.
A xesta é tamén a flor dos namorados. Na aña urbana lembrada estes días en Pontevedra viamos como os mozos entregábanllas ás raparigas que pretendían; se esta a aceptaba, daba a entender que tamén o aceptaba como pretendente. E segundo a tradición recollida por Ramón Cabanillas, aquelas mozas casadeiras que peregrinaban á Franqueira que acertaban a anudar unha poliña de xesta dándolle voltas só cun dedo, casaban nun ano.
Os insulares de Ons, cando despois dun tempo non conseguían pescar o suficiente, acudían de noite á súa dorna para azoutala ou mallarla, sen descanso, cunhas ramas de xesta, proferindo multitude de improperios ata que quedaba esgotado.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.