O ilustre matemático e xeógrafo Domingo Fontán, figura clave na historia científica de Galicia e referente do coñecemento cartográfico, recibiu un novo homenaxe en Portas.
Foi este domingo, con motivo do 238 aniversario do seu nacemento. O evento, organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, en colaboración co Concello de Portas, celebrouse na Casa da Cultura.
A presidenta da Asociación Cultural Domingo Fontán, Rebeca López Méndez, non puido asistir ao acto por un problema médico e, no seu lugar, o tenente de alcalde de Portas, Alfonso Vázquez Reboredo, foi o encargado de dar lectura ao pregón institucional.
Durante a súa intervención, Vázquez destacou a relevancia histórica e simbólica da figura homenaxeada, lembrando que Fontán "foi quen puxo Galicia no mapa, literalmente".
Subliñou o seu papel como un home "que fixo algo extraordinario como é mirar Galicia con rigor, medila con precisión e devolvela ao mundo convertida en coñecemento".

O pregón incidiu tamén no valor emocional que a súa figura representa para a veciñanza, sinalando que "non falamos só dun gran científico, senón dun veciño de Portas", e puxo en valor o seu exemplo como símbolo de esforzo e compromiso.
"Foi un home perseverante, capaz de dedicar boa parte da súa vida a un proxecto ambicioso, convencido de que o rigor e o coñecemento podían transformar a forma de entender un territorio", sostivo o tenente de alcalde.
O programa do acto incluíu, ademais do pregón, unha ofrenda floral ante o monumento dedicado a Domingo Fontán e a interpretación do himno de Galicia por parte do grupo de gaitas Domingo Fontán.
Este acto conmemorativo, ademais de homenaxear o intelectual, serviu tamén como espazo de encontro arredor da historia, a cultura e o patrimonio de Portas.