O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou este luns o Concello de Portas para coñecer o desenvolvemento do programa 'Galicia Suma Talento: Rural Activo', así como o traballo que desenvolve o persoal contratado.
Esta iniciativa autonómica está orientada a fomentar o emprego no ámbito local e reforzar os labores de prevención de incendios, protección do medio ambiente e servizos forestais.
No caso de Portas, grazas ao programa incorporáronse tres peóns forestais e unha persoa coordinadora, figura que se introduciu como novidade nesta edición.
O delegado destacou a relevancia desta iniciativa para os concellos, ao permitir "reforzar os servizos municipais e ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas desempregadas".
Neste sentido, subliñou que a inclusión dunha persoa coordinadora contribúe a "mellorar a planificación, organización e execución dos traballos", así como a aumentar a eficacia das actuacións no territorio.
O programa 'Galicia Suma Talento: Rural Activo' está dotado este ano con 20 millóns de euros e diríxese a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e consorcios locais.
As axudas financian o 100% dos custos salariais e das cotizacións á Seguridade Social do persoal contratado, dentro dos límites establecidos segundo o grupo de cotización.
Fernández destacou o compromiso da Xunta cos municipios e destacou que esta liña de apoio "contribúe a mellorar a empleabilidad das persoas desempregadas".
Así mesmo, indicou que este programa "reforza a capacidade dos concellos para preservar o seu patrimonio natural, avanzar na prevención de incendios forestais e ofrecer un mellor servizo á veciñanza".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.