Noite de incendios en Pontevedra. Ao contedor que ardeu en Benito Corbal sumáronselle outros tres incidentes nas últimas horas.
O máis rechamante sucedeu no lugar de Covadáspera, na parroquia de Verducido.
Alí, o lume calcinou un autobús que estaba estacionado na zona.
Segundo informou o Concello de Pontevedra, trátase dun vehículo propiedade dun particular (non de liña) que levaba parado bastante tempo.
O incendio, que se rexistrou sobre as 3:15 horas da madrugada, estendeuse a unha zona boscosa próxima.

A rápida intervención dos servizos de emerxencia permitiron sufocar as lapas e as brigadas da Xunta colaboraron no incendio forestal.
Ademais, os servizos de emerxencia tamén acudiron sobre as doce da noite á avenida de Marín, á altura do número 29 por un pequeno incendio nunha leira.
A orixe do lume foi, posiblemente, unha cabicha de tabaco.
A el sumouse outro incendio, sobre o tres da madrugada, nun lavalouzas dunha vivenda da rúa Camiño do Ferro que foi extinguido polo propietario.
Os servizos de emerxencia colaboraron na atención á familia, xa que a vivenda estaba chea de fume.
Durante a fin de semana, pola súa banda, tamén se rexistro un incendio forestal no lugar de Maúnzo, en Santo André de Xeve, no que tamén participaron os equipos de emerxencias municipais dado que se atopou próximo ás vivendas.
Activouse sobre as 23.40 horas e estabilizouse dúas horas despois. Non houbo danos materiais nin persoais.
E na tarde do sábado, sobre as tres e media, declarouse un pequeno incendio nunha maleza próxima ao polígono comercial do Vao, tamén sen consecuencias.