Portocelo foi a praia de Marín que deu máis choio aos socorristas

Marín
09 de setembro 2019

Os socorristas das praias marinenses atenderon 835 incidencias durante o mes de agosto

Praia de Portocelo (Marín) Terras de Pontevedra

Os socorristas contratados polo Concello de Marín para garantizar a seguridade dos bañistas durante o verán nas praias de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e O Santo atenderon un total de 835 avisos durante o mes de agosto.

Por praias, foron 234 incidencias na de Portocelo, o areal no que máis se rexistraron; seguido por Mogor, onde foron 161; Aguete, con 114 nun dos seus postos de socorrismo e 129 no outro; Loira, con 156 e O Santo, con 101.

En canto á gravidade das incidencias rexistradas, destacan os rescates acuáticos practicados polos socorristas nas praias de Loira e Aguete, os días 5 e 24 de xullo. No presente mes analizado, foron todo incidencias leves. Concretamente, atendéronse 166 avisos por picaduras de fanecas, 104 por picaduras de avespas, 289 por feridas de pequeno tamaño e 31 traumatismos. Houbo, asimesmo, 63 avisos por cans soltos nos areais, 73 avisos a embarcacións, 36 a pescadores e 7 escordaduras.

Dende o Concello de Marín valoran que, en xeral, os datos reflicten un verán tranquilo, sen grandes incidentes e cunha rápida e eficaz intervención dos socorristas naqueles momentos nos que foi necesaria a súa profesionalidade.