Portonovo acollerá o vindeiro 26 de decembro a gala musical "Un conto de Nadal"

Sanxenxo
10 de decembro 2021

As doce comisións de festas de Sanxenxo encargáranse da venda de entradas por un prezo único de 10 euros

Presentación da gala musical "Un conto de Nadal"
Presentación da gala musical "Un conto de Nadal" / Concello de Sanxenxo

Portonovo acollerá o vindeiro 26 de decembro a gala musical "Un conto de Nadal" coa orquestra La Oca Band.

Un espectáculo co que o Concello de Sanxenxo quere apoiar a reactivación da verbena galega e, ao mesmo tempo, colaborar coa financiación das doce comisións de festas do municipio. O evento musical implicará tamén as asociacións folclóricas do municipio e aos nenos dos colexios de Sanxenxo. 

"A cita servirá para amosar o potencial musical do noso concello e para axudar as comisións de festas que levan dous anos complicados pola pandemia. La Oca Band volve a reinventarse, tras o éxito de 100 anos de verbena, con este novo formato facendo o que mellor sabe, cantar e tocar, e ademais contará na cita grandes profesionais do mundo da verbena e os nosos grupos folclóricos", explica Paz Lago, concelleira de Cultura e Educación.

Baixo a carpa que se ubicará no recinto portuario, La Oca Band estará acompañada de 6 convidados de importantes orquestras galegas como son Lito Garrido de Panorama, Blas Piñón de París de Noia, Ángel América, Carlos Otero, exintegrante de Solano, Marta Valiño exintegrante de Costa Oeste e Olympus e Noelia Solleiro que participou en varias orquestras galegas.

O prezo da entrada será de 10 euros e as encargadas da súa venda serán as comisións de festas polo que se levarán un donativo que despois poderán invertir nas súas celebracións. O propio día da gala poderán adquirirse as entradas nunha taquilla ubicada á entrada do recinto no caso de que queden entradas sen vender.

As asociacións folclóricas subiranse ao escenario para tocar en directo con La Oca Band o tema "Tamborilero" e os nenos dos colexios de Sanxenxo actuarán como como na interpretación da canción "Pero a tu lado" de Los Secretos.

"O Conto de Nadal" terá dúas horas de duración con cancións de Nadal e de distintos ritmos, sen esquecer o rock e temas clásicos, en dúas sesións diferentes, ás 17 e ás 20 horas.