Portonovo recuperará a fachada marítima do miradoiro da Peixeira e a súa conexión co campo de San Roque

Sanxenxo
29 de abril 2023

A actuación, valorada en case un millón de euros, opta aos fondos do programa da Deputación de Pontevedra PON 2023

Proxecto de mellora do miradoiro da Peixeira en Portonovo
Proxecto de mellora do miradoiro da Peixeira en Portonovo / Concello de Sanxenxo

Recuperar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque son dous dos obxectivos do proxecto que o Concello de Sanxenxo acaba de presentar ao Programa PON 2023. A actuación, valorada en 990.537 euros, opta a obter o 80 % dos fondos do organismo provincial e o 20 %, das arcas municipais.

A intención é que a praza e a fronte marítima reconecten coa súa orixe, converténdose nun espazo revalorizado de convivencia e socialización de forma integral, un novo eixo de actividade do núcleo. O proxecto contempla unha serie de plataformas, enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán de forma directa a Praza de San Roque e a Avenida de Pontevedra. Tanto as vivendas como a parte alta do núcleo antigo de Portonovo veranse beneficiadas por unha accesibilidade universal e inclusiva.

O protagonismo do espazo será o peón, polo que o tráfico rodado quedará relegado a un segundo plano mediante estratexias de acougado de tráfico, colocando badenes na entrada e saída da zona. O fluxo peonil se reconfigura en toda a praza, con espazos máis amplos, libres de obstáculos, fomentando unha mobilidade sostible e agradable, que recupera a esencia da mobilidade do núcleo tradicional de Portonovo.

No vial da Avenida de Pontevedra, o único con acceso rodado, limítase o paso do vehículo a un carril dunha soa dirección.

Dentro dos obxectivos do proxecto atópase a eliminación, na medida do posible, das barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais, polo que se opta por desmantelar parte do gran muro de contención actual co fin de renaturalizar e descontaminar a fronte costeira e, en consecuencia, de mellorar paisaxisticamente e funcionalmente a conexión do núcleo co mar.

Para iso, ademais de demoler o muro e tratar de recuperar o territorio e paisaxe previo, incluiranse especies arbóreas autóctonas e reutilizaranse os materiais de demolición para o seu emprego en distintos elementos do mobiliario. En canto á iluminación actual substitúese por outra cunha proxección máis baixa, máis contida, totalmente integrada nos muros e varandas de bloque de formigón xerados.