Os portos de Cambados, Combarro (Poio), Pontevedra e Portonovo (Sanxenxo) estarán preparados para os coches eléctricos.
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, impulsará a instalación de cargadores para vehículos eléctricos nestes catro portos de titularidade autonómica da provincia de Pontevedra.
O ente público está a tramitar unha autorización administrativa a favor da empresa Iberdrola para posibilitar estas instalacións.
A concesión permitirá a instalación de cargadores, cadros de baixa tensión e a liña soterrada para os surtidores.
Ademais, habilitaranse as prazas de aparcadoiro correspondentes reservadas especificamente para realizar a carga.
O prazo de vixencia da concesión será inicialmente de 5 anos con posibilidade de prórroga por 2,5 máis.
A Xunta destaca que, con este trámite, Portos de Galicia contribúe ao aproveitamento do dominio público portuario para instalacións de enerxías renovables e ao seu fomento entre os usuarios portuarios, en liña cos obxectivos da Economía Azul de Galicia, aprobada pola Xunta para o período 2024-2027.