Portos de Galicia mellorará a accesibilidade peonil no muelle de Bueu

Bueu
11 de xaneiro 2021

A presidenta do ente público, Susana Lenguas, mantivo unha reunión de traballo co alcalde Félix Juncal para abordar outros asuntos como a reversión da titularidade das zonas de praia ao  Concello ou a estabilización do areal de  Pescadoira

Peirao de Bueu
Peirao de Bueu / PontevedraViva

Portos de Galicia mellorará a accesibilidade peonil para o embarque de pasaxeiros no peirao de Bueu. Así o manifestou a presidenta do ente dependente da Consellería do Mar, Susana Lenguas, nunha reunión de traballo mantida este luns co alcalde da localidade budetense, Félix Juncal. 

Neste encontro, a presidenta de Portos de Galicia explicou que o seu departamento propoñerá unha reordenación do chan portuario na zona de acceso dos peóns aos peiraos de pasaxe reforzando a súa seguridade. Esta actuación complementaríase coa instalación dunha marquesiña por parte do executivo municipal. 

Durante a reunión, Lenguas e Juncal avaliaron tamén outras demandas do Concello relativas aos terreos portuarios, como a posibilidade de reversión das zonas de praia que a día de hoxe son titularidade do ente público. 

Así mesmo abordaron a exención das taxas ás terrazas instaladas en zona portuaria e a inclusión nos orzamentos de Portos de Galicia da estabilización da praia de Pescadoira, que se licitará unha vez que o proxecto supere o trámite ambiental.