Portos de Galicia exime o Concello de Poio do pago de taxas pola escola de remo de Combarro

Poio
26 de xaneiro 2025
Actualizado: 11:36

A concesión, outorgada o 5 de novembro de 2024, ten unha vixencia de dez anos, prorrogable por outros cinco e a exención está xustificada pola formación deportiva que se imparte nas instalacións

Nave da Escola deportiva de Remo en Combarro
Nave da Escola deportiva de Remo en Combarro / Portos de Galicia

O ente público Portos de Galicia vén de aprobar a exención total do pago de taxas ao Concello de Poio pola ocupación do edificio e as instalacións da escola de remo de Combarro.

Esta escola permanece situada en terreos de dominio público portuario.

A decisión fundaméntase no artigo 40 da Lei de Taxas de Portos de Galicia, que permite unha bonificación do 100% ás corporacións locais cando desenvolven actividades de finalidade pública.

Segundo a institución portuaria, a escola realiza actividades destas características dentro do apartado de formación deportiva.

A concesión, outorgada o pasado 5 de novembro, ten unha vixencia de dez anos, prorrogable por outros cinco.

Grazas a esta medida, o Concello poderá utilizar de xeito gratuíto unha edificación de máis de 600 metros cadrados no espazo portuario.

Esta bonificación enmárcase dentro da política de colaboración institucional entre administracións, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento de actividades que beneficien ao conxunto da cidadanía das vilas portuarias galegas, indican desde a Xunta de Galicia.