Portos de Galicia reverterá ao Estado unha serie de terreos en dominio público portuario que o Concello de Cambados leva reclamando desde hai anos para que sexan municipais.
Trátase do paseo da Calzada, a vía portuaria que o conecta coa nave de reparacións navais, a praza de abastos, o Salón Peña e a alameda de Santo Tomé.
Así quedou de manifesto na reunión celebrada este venres entre as dúas administracións, na que estivo presente o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde de Cambados, Samuel Lago.
Unha vez estean en mans de Costas do Estado, este ente terá que desafectarlos a favor da administración local que xa non necesitará pedir un permiso autonómico e poderá librarse do pago de taxas pola ocupación destes espazos como ocorre durante a Festa do Albariño, con algunhas actuacións ou coa instalación de adornos do Nadal, por citar só algúns exemplos.
A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados coa Fegamp na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela.
O Concello de Cambados aspiraba a conseguir uns 36.000 metros cadrados de terreos en dominio público portuario pero finalmente serán 20.000 ao quedar fóra do acordo as explanadas do barrio mariñeiro e a que está fronte ao supermercado Gadis, tampouco as parcelas do centro de saúde e a estación de autobuses, así como dous edificios privados (Reboredo e o taller) e a escalinata de San Tomé, ao estar baixo unha concesión administrativa aínda vixente.
En todo caso, o alcalde de Cambados, Samuel Lago, valorou que a reunión "foi satisfactoria e agora desexamos que o trámite sexa áxil e se resolva pronto", aínda que a Consellería do Mar xa advertiu que será un proceso longo e irá por fases.