Pospoñen o inicio da reforma de Barcelos ao 16 de xaneiro para evitar a campaña de Nadal

Pontevedra
13 de decembro 2022

A obra executarase por fases, ata en dez etapas diferentes. Cada unha destas fases, excepto a primeira que non implicará reordenación algunha do tráfico, implicará cambios temporais na circulación.  A reforma comezará pola zona máis próxima á Rúa Rouco, xunto ao colexio. As sucesivas fases irán seguindo o trazado da praza cara a Perfecto Feijóo

Coches aparcados na praza de Barcelos
Coches aparcados na praza de Barcelos / Cristina Saiz

Que os traballos afecten o menos posible a veciños e comerciantes. Con ese espírito deseñouse o calendario da obra de reforma de todos os viais perimetrais da Praza de Barcelos que, a diferenza do previsto inicialmente, non comezará en decembro.

Para evitar a campaña do Nadal e o inicio das rebaixas, unha época sensible para a actividade comercial, a empresa EC Casas -adxudicataria da obra-, a Policía Local e os servizos técnicos municipais acordaron atrasar o seu comezo ata o luns 16 de xaneiro.

A obra executarase por fases, ata en dez etapas diferentes, segundo explicou este martes o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez. Cada unha destas fases, excepto a primeira que non implicará reordenación algunha do tráfico, implicará cambios temporais na circulación. 

A reforma comezará pola zona máis próxima á Rúa Rouco, xunto ao colexio. As sucesivas fases irán seguindo o trazado da praza cara a Perfecto Feijóo, cuxo entronque con Barcelos será o último tramo en ser rehabilitado, segundo figura nos plans municipais. 

Durante os doce meses nos que se estima que durarán estes traballos "en ningún momento", apuntou Demetrio Gómez, estará cortado o acceso á praza, aínda que as entradas e saídas irán cambiando en función do avance da reforma.

Ademais, o Concello garante que a circulación de residentes, servizos comerciais de carga e descarga e o acceso ao aparcamento soterrado estarán sempre garantidos.

Na reforma dos viais perimetrais de Barcelos, o Concello investirá 1.941.000 euros. A este diñeiro sumaranse os 176.000 euros que, como mellora ofertada na licitación, asumirá EC Casas e que servirán para trasladar o transformador eléctrico situado xunto ao colexio.

Con respecto a esta última actuación, o cambio desta instalación, que pasará a estar situado na propia praza, realizarase nos meses de verán para que estes traballos non supoñan trastorno algún na actividade lectiva do CEIP Praza de Barcelos.