Aínda que a apertura oficial da tempada de baño terá que esperar unhas semanas, o Concello de Pontevedra informou que nos próximos días realizará unha actuación para poñer a punto a área recreativa da Xunqueira de Ponte Sampaio.
Segundo explica a concellería de coordinación do rural dirixida por Alberto Oubiña, os labores darán comezo coa achega de area á praia fluvial do río Verdugo. Trátase dunha area "da máxima calidada respectuosa cos bancos marisqueiros", aseguran desde o goberno local. Ademais realizarase unha limpeza de algas en toda a zona de baño.
A continuación procederase a realizar unha limpeza e mellora do espazo verde, mellorada ademais recentemente coa renovación do parque infantil.
Por último instalaranse baños públicos.
A intención do Concello é que o espazo quede totalmente acondicionado a partir do día 9 de xuño.
A todo iso sumarase durante os meses de tempada alta de verán o habitual servizo de socorrismo.