A asociación de veciños da Moreira impulsou unha actuación que permitiu a rehabilitación do Camiño Aveneiral, situado na parroquia de San Xulián, que ata o de agora resultaba impracticable cando chegaba a época de choivas.
A actuación de mellora que se levou a cabo consistiu na limpeza da cuneta e na drenaxe de auga do camiño, xa que a acumulación de lodo constante facíao impracticable. Posteriormente, aportóuselle unha capa de zahorra, que se compactou.
Esta actuación contou coa colaboración do Concello de Marín.
O edil de Rural, Pablo Novas, destacou que este tipo de contribucións permiten facer pequenas melloras que son importantes tanto para a mobilidade peonil, que cada vez é maior, como para a cuestión agropecuaria, xa que se recupera o traballo nalgunhas fincas ao carón dos camiños.
Á mellora deste camiño, o goberno municipal de Marín destinou 3.500 euros, aos que se sumaron achegas por parte da comunidade de monte de San Xulián e do plan social de ENCE.