Poucos mexillóns para tanta festa

Pontevedra
11 de xullo 2023

Ás 13.30 horas xa non quedaban racións de mexillóns na festa popular que organiza o Concello de Pontevedra á beira do Lérez aproveitando a xornada festiva de San Bieito. Malia todo, os centos de persoas que se achegaron pola carpa instalada xunto á praia fluvial tiveron a oportunidade de degustar empanada e outros produtos típicos

Mexillonada popular na contorna do Lérez
Mexillonada popular na contorna do Lérez /

Centos de persoas achegáronse ata a contorna da praia fluvial do Lérez nesta xornada festiva do martes 11 de xullo para participar da mexillonada popular que organiza xa tradicionalmente o Concello de Pontevedra, aproveitando a festividade de San Bieito.

Os Alegres iniciaron unha ruta matinal desde o Concello ata os salóns do Lérez, no espazo próximo ao novo miradoiro da ponte do tren. Alí comezaba a romaría ás 11.30 coa actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas e cos Alegres.

Media hora máis tarde, Pousos na Area ofrecía un pasacalles musical por toda a parroquia de Lérez, coa colaboración de Gaiteiros das Rías Baixas, recuperando unha acción que é lembrada polos máis veteranos da zona nesta data festiva.

A partir dese momento, os asistentes facían cola para demandar a ración gratuíta de mexillóns, que se esgotaban ao redor das 13.30 horas. En todo caso, os asistentes tiveron a oportunidade de degustar empanada baixo a carpa instalada para a ocasión.

O grupo Pola Vila tamén amenizou a tarde para aqueles que se mantiveron neste espazo natural.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, acompañado doutros concelleiros do goberno local, achegábase tamén ata esta zona para participar deste acto.

Tamén representantes da agrupación socialista co portavoz municipal Iván Puentes e con Marica Adrio, candidata ao Congreso por Pontevedra, á cabeza participaban da romaría de San Bieito pero nun dos postos de polbo á feira do recinto do Mosteiro de Lérez.