Póvoa de Varzim achégase a coñecer a transformación urbana de Pontevedra

Pontevedra
24 de novembro 2018

Cinco representantes da cámara deste municipio portugués, acompañados do seu asesor en materia urbanística, Avelino Oliveira, achegáronse a Pontevedra para participar nunha sesión informativa sobre o modelo urbano e nunha visita pola cidade

Delegación de Póvoa de Varzim que visitou Pontevedra
Delegación de Póvoa de Varzim que visitou Pontevedra

Unha delegación municipal de Póvoa de Varzim visitou a Boa Vila estes días para coñecer a transformación urbana experimentada por Pontevedra nos últimos anos.

Cinco representantes da cámara deste municipio portugués, acompañados do seu asesor en materia urbanística, Avelino Oliveira, achegáronse a Pontevedra para participar nunha sesión informativa sobre o modelo urbano.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, dedicoulles un saúdo e departiu con eles previamente sobre asuntos orzamentarios e sobre as diferenzas existentes entre as competencias municipais de ambos países.

Tras iso foron instruídos na recuperación dos espazos públicos de Pontevedra polo director xeral de Urbanismo do Concello de Pontevedra, Xosé Manuel Tato.

Ademais, o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, acompañounos nunha visita pola cidade para observar in situ como funcionan os espazos de convivencia, os tráficos compartidos, as zonas comerciais ou as rúas e espazos públicos recuperados para o tráfico peonil.