Poxas, churrascada e música tradicional para celebrar as festas de Loureiro

Cerdedo Cotobade
09 de agosto 2024

Loureiro xa está preparado para a celebración das festas na honra da Virxe das Neves, que terán lugar na parroquia este fin de semana. O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o presidente da Comisión de Festas, Miguel Ángel García, presentaron este venres un programa festivo que dará comezo este sábado 10 de agosto cunha misa ás 21:00 horas

Presentación das festas de Loureiro
Presentación das festas de Loureiro / Concello de Cerdedo-Cotobade

Loureiro xa está preparado para a celebración das festas na honra da Virxe das Neves, que terán lugar na parroquia este fin de semana.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o presidente da Comisión de Festas, Miguel Ángel García, presentaron este venres un programa festivo que dará comezo este sábado 10 de agosto cunha misa ás 21:00 horas.

Ao remate terán lugar as populares 'poxas' onde se subastarán diversas doazóns feitas polos devotos. Ás 21:30 horas comezará unha gran churrascada para compartir entre todos aqueles que se acheguen ata o campo da festa de Loureiro.

A xornada festiva continuará cunha verbena protagonizada por Son das Tabernas para continuar coa intervención de Luces de Bohemia.

Ao día seguinte, o domingo 11 de agosto, a festa estará amenizada coas alboradas que protagonizarán os membros do grupo folc 'Os Trazantes de Tenorio'. Ás 13:00 horas haberá unha misa solemne na igrexa parroquial.

Durante a presentación, o alcalde Jorge Cubela, felicitou e agradeceu á Comisión de Festas de Loureiro "que siga mantendo vivas as tradicións e que axuden a continuar coas tradicionais poxas así como a churrascada que sirve de punto de unión e de encontro entre todos os veciños e veciñas desta parroquia ao tempo que constitúe un elemento fundamental destas celebracións na honra da Virxe das Neves".