O PP provincial de Pontevedra solicítanlle ao subdelegado do Goberno, Abel Losada, que "abandone dunha vez por todas a súa postura e papel de propagandista fanático do Goberno de España e de comisario político do PSOE na provincia". E pídenlle que comece a defender os intereses dos cidadáns da provincia e o sentido común, "dúas cuestións que ten completamente abandonadas".
O PP vén de lamentar a postura de Losada reclamando a participación do Servizo Provincial de Costas na reversión dos terreos portuarios.
Os populares consideran que, como organismo dependente do Goberno de España, "non podemos agardar absolutamente nada de proveito" posto que, a xuízo do Partido Popular, estamos ante un executivo que "torpedea e bloquea" a xestión do litoral a prol da Comunidade Autónoma de Galicia "malia a rotunda sentenza do Tribunal Constitucional e ten paralizados os necesarios dragados da provincia".
Por elo, o PP provincial reclámalle a Abel Losada que "deixe de malmeter e de molestar e, se non vai facer nada de proveito a prol dos intereses de Pontevedra, polo menos que non incordie", xa que, segundo salientou o PP, o Goberno central "só actúa contra os intereses xerais da provincia", e principalmente, sinalan, contra os sectores do mar e portuario e contra a costa galega "cunha postura incomprensiblemente hostil".
Os populares lembraron ademais que a Xunta de Galicia está a traballar na reversión dos terreos portuarios de xeito consensuado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), presidida polo PSOE, a través dunha comisión creada no ano 2018 e tamén está a pedir o urxente traspaso da xestión do litoral e a indicación dos puntos de vertido para poder acometer os dragados pendentes, principalmente o do Lérez.
"E fronte a isto atópase cunha postura obstruccionista e belixerante do PSOE desde o Goberno de España que só serve para castigar á provincia de Pontevedra supoñemos que de xeito proporcional ao castigo que os pontevedreses lle están a dar nas urnas e que é máis que merecido", afirman os populares nun comunicado.
Así mesmo, o PP advírtelle ao subdelegado do Goberno que a Xunta de Galicia dispón, en materia portuaria, de "absoluta autonomía" e "non precisa da tutela doutras administracións".
No PP cren que Abel Losada "está a actuar máis como un gobernador civil propio do franquismo que aposta por un centralismo e un control exacerbado que non lle compete e máis cando propón a intervención dun organismo pertencente a un executivo que actúa sempre contra Galicia".