O PP de Pontevedra cifra en 771 millóns de euros a "débeda histórica" que o Goberno central ten coa provincia en relación co financiamento da atención á dependencia.
A cifra denunciouna o PP provincial ao tempo que anunciou que levarán ao pleno da Deputación a esixencia de que o Estado abone os impagos a Galicia por esta prestación, que se elevan a 2.500 millóns na comunidade.
Segundo a información facilitada polo PP, a débeda supón 102,1 millóns de euros para a cidade de Pontevedra e os outros sete concellos da súa bisbarra, 90 millóns no ámbito dos municipios do Salnés ou 26,9 millóns de euros para os sete termos da comarca de Caldas.
O pleno da Deputación do venres 28 debaterá unha moción na que lle esixen ao Estado que abone "de inmediato" os impagos, xa que se trata de fondos que tiveron que adiantar a Xunta de Galicia e os concellos "e que nos corresponden para non seguir afondando na ferida do castigo, maltrato e discriminación na que o PSOE segue furgando coa nosa provincia".
Os 'populares' denuncian que o Goberno central nunca abona o 50% do custe deste servizo malia que llo esixe especificamente a Lei de Dependencia de 2006 e piden que cesen os recurtes no ámbito deste financiamento, posto que en 2023 o Goberno de España seguíu incumprindo ao pagar o 40% desta prestación, pero o pasado exercicio aínda rebaixou máis a súa achega con Galicia ao sufragar só o 34,9%.
Ademais, consideran que as perspectivas para o presente 2025, sen Orzamentos Xerais do Estado por segundo ano consecutivo, "aínda son peores" e "temen" outra baixada no pago da dependencia.
A moción tamén propón trasladarlle ao Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030 a necesidade de que, desde o presente ano e sucesivos, asuma o 50% do custe do Sistema de Atención á Dependencia de Galicia para que a Xunta e as administracións locais non teñan que adiantar cartos e a prestación comece a estar axeitadamente financiada.
Os 'populares' abordaron estes asuntos nunha reunión mantida na sede provincial polo presidente popular, Luis López, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.
Estiveron alcaldes, voceiros e concelleiros do PP na provincia, que expresaron o seu "malestar pola infrafinanciamento" ao que o Goberno de España somete a Galicia.
"Hai unha seria preocupación nos 61 concellos polo constante racaneo do PSOE en calquera ámbito, pero moito máis nun servizo fundamental que está orientado a coidar e atender aos máis vulnerables", sinalou Luis López.