Para o PP o 'Coche de punto' é un "camelo, fiasco, tomadura de pelo, absoluto fracaso e ridículo espantoso"

Pontevedra
01 de agosto 2025

"Autobuses e sitios para aparcar, é o que demanda a xente do rural", reclama o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do Partido Popular
Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do Partido Popular / Pablo Ajuria - Brais Porto

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, considera que o servizo de transporte a demanda implantado polo Concello de Pontevedra e coñecido como 'Coche de punto' é un "camelo, fiasco, tomadura de pelo, absoluto fracaso e ridículo espantoso".

Rafa Domínguez asegura que os datos do uso deste sistema desde a súa implantación demostran que este servizo é "un fracaso que tirou os cartos dos pontevedreses", e "o que é máis grave, non soluciona os problemas de mobilidade".

O portavoz do PP destacou que o 'Coche de punto' realiza 8,5 viaxes de media ao día (166 viaxes ao mes) cando no rural pontevedrés hai unha poboación aproximada duns 20.000 habitantes.

Ademais lembrou que o Concello gastouse 343.000 euros no desenvolvemento da aplicación informática que o xestiona "e que non usa ninguén, porque a xente o que fai é chamar por teléfono". Tamén lamenta que o goberno local tardase 10 anos para pór en marcha este servizo. "Isto é un ridículo absoluto", dixo.

O PP critica tamén que este transporte a demanda, este "marabilloso experimento que ía abrir os ollos ao mundo e que era pioneiro", só está operativo de 7 da mañá a 2 da tarde os días laborables "nada de sábados, de domingos, nada de festivos, nada de tardes e nada de noite".

Rafa Domínguez tamén advirte de que a utilización do 'Coche de punto' está a diminuír polo que calcula que, de seguir esa tendencia, o Concello só vai gastar o 10% da cantidade que tiña consignada para sufragar o custo do servizo.

"O fracaso de Lores é absoluto", sentenciou o líder á oposición sinalando directamente como responsable ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Pola súa banda o PP propón implantar un transporte público municipal, "que poña autobuses", resume Rafa Domínguez citando como referencia a cidades como Vigo, Ferrol, Santiago, Ourense, Lugo ou A Coruña. "O normal é pór liñas de autobuses para comunicar os barrios", insiste.

Ademais reclama que se habiliten aparcadoiros disuasorios gratuítos "porque a xente das parroquias non vén ao centro de Pontevedra moitas veces porque se gasta un dineral en parkings".

"Autobuses e sitios para aparcar, é o que demanda a xente do rural", conclúe Rafa Domínguez.