PP e PSdeG-PSOE presidirán finalmente dúas das seis comisións informativas do Concello

Pontevedra
25 de xuño 2015

Xa están en marcha todas as comisións informativas do Concello de Pontevedra, un dos aspectos organizativos que quedaban por pechar tras a toma de posesión da nova corporación. E finalmente constituíronse con sorpresa. Aínda que inicialmente criticaran a oferta do BNG, ao final tanto PP coma PSdeG-PSOE aceptaron presidir unha das seis comisións que se crearon este xoves

Xuntanza dos voceiros dos cinco grupos políticos representados no Concello
Xuntanza dos voceiros dos cinco grupos políticos representados no Concello /

Xa están en marcha todas as comisións informativas do Concello de Pontevedra, un dos aspectos organizativos que quedaban por pechar tras a toma de posesión da nova corporación. E finalmente constituíronse con sorpresa. Aínda que inicialmente criticaran a oferta do BNG, ao final tanto PP coma PSdeG-PSOE aceptaron presidir unha das seis comisións que se crearon este xoves.

O popular Rafael Domínguez será o presidente da comisión de Economía, Facenda, Contratación, Promoción económica e Turismo. Asegura que o PP entende que o principal problema de Pontevedra é o paro, polo que esperan poder dar entrada a iniciativas e propostas "que consideramos necesarias para impulsar el empleo y la economía de esta ciudad".

Mentres, a socialista Paloma Castro fará o propio coa comisión especial de Suxestións e Reclamacións, un organismo que apenas se reunía no anterior mandato e que o PSdeG quere darlle un maior protagonismo para atender á cidadanía e que "a voz dos cidadáns teña un reflexo" na aposta pola transparencia e a participación, segundo avanzou Agustín Fernández.

O resto das comisións estarán presididas polo BNG, a pesar de que o goberno municipal llas ofreceu á oposición. A oferta seguirá aberta, sinalou Raimundo González, por se algún partido reconsidera a súa postura e quere asumir algunha outra presidencia. Trátase, dixo, dun "exemplo de democracia e transparencia" por parte do goberno municipal.

Á fronte estarán os edís das respectivas áreas. Así, Vicente García Legísima estará á fronte da comisión de Réxime Interior, Participación, Persoal e Xurídica; a comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente será para Carme dá Silva; a de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos estará presidida por Luis Bará e a Carmen Fouces será a responsable da de Benestar Social, Cultura e Dinamización Sociocultural.

Finalmente, non se constituíu este xoves a xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) porque non se puido convocar a tempo.