O PP provincial reaccionou á decisión do Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible de que se abre a converter nunha Vía Verde as vías ferroviarias en desuso entre Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior.
O partido valora esta postura do Goberno estatal, comunicada por carta ao Concello de Vilaboa e en respostas a preguntas do PP no Congreso e o no Senado, e esixe agora que o departamento estatal concrete prazos e vías de financiamento para a realización do proxecto.
Os 'populares' buscan con este compromiso que "non quede no limbo e nos habituais estudos eternos cos que o Goberno de España marea á provincia de Pontevedra".
Para o PP, tamén se abre unha "magnífica oportunidade" unha vez que a Deputación de Pontevedra ofreceu colaboración para esta actuación, con achega económica incluida. O presidente provincial, Luis López, fixo a oferta a través dunha carta remitida hai uns días ao ministro Óscar Puente.
Representantes do PP citáronse nun punto desta antiga liña ferroviaria en Paredes (Vilaboa) para abordar a situación.
Acudiron o presidente provincial do PP, Luis López; o deputado Juan Bayón e a senadora Pepa Pardo; os voceiros de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior, Rafa Domínguez, Alberto Acuña e Noelia Ocampo; o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; e outros concelleiros destes tres municipios.
Os representantes do PP valoraron que, no propio posicionamento do Executivo central, "queda claro que cambiou de postura e abandonou a súa pechazón a facer a Vía Verde pola presión política exercida polo noso partido e a dos propios veciños, principalmente de Vilaboa", polo que quixeron reclamarlle "axilidade e compromiso".
A proposta do PP Provincial pasa por crear esta Vía Verde de tal maneira que sexa reversible se, chegado o caso, fixera falta de novo esta liña para o desenvolvemento ferroviaria de Galicia, aínda que remarcou que isto non se atopa actualmente nas previsións do Goberno central.
Os 'populares' expresaron certas dúbidas pola "vaguedade" que ven na resposta do executivo, "posto que non detallou o contido do estudo que está a realizar, non concretou a posible desafectación da vía, tampouco se referíu aos prazos de execución nin se comprometeu especificamente a colaborar no financiamento da Vía Verde".
O partido anunciou que vai redobrar os seus esforzos políticos e sociais con novas iniciativas nas próximas semanas "para arrancar canto antes" un compromiso do Goberno de España para executar esta Vía Verde.
Tamén demanda a "implicación efectiva e real" dos gobernos nacionalistas de Pontevedra e Soutomaior e do socialista de Vilaboa.