Esixen a remodelación comprometida polo Concello na Praza da Liberdade

Pontevedra
12 de decembro 2024
Actualizado: 17:41

O grupo municipal do Partido Popular urxe o arranxo "inmediato" da antiga cafetaría e a posta en valor dos xardíns para "revitalizar" a Praza da Liberdade

As concelleiras do PP Silvia Junco e Beatriz Rey  na cafereria da Praza da Liberdade
As concelleiras do PP Silvia Junco e Beatriz Rey na cafereria da Praza da Liberdade / PP de Pontevedra

O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra esixiu ao goberno local a remodelación integral e a posta en valor da Praza da Liberdade.

A concelleira do PP Silvia Junco lembrou que o goberno local comprometera a que este ano estaría reformada a Praza e destacou que, a 19 días de que remate 2024, desta obra "non se sabe absolutamente nada".

Segundo o PP, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, prometeu realizar un proxecto en 14 meses, desde o seu anuncio en marzo de 2023, "pero foi unha de tantas promesas electorais que Lores proclama cando chega o ano das eleccións municipais e que devolve ao caixón dos proxectos incumpridos unha vez que empeza o mandato", criticou Junco.

A edil do PP local pediu "máis feitos e menos palabras" aos responsables municipais.

O PP critica que a antiga cafetaría está "nunhas condicións insalubres" e lembra que o BNG anunciou a transformación deste espazo nun local social que xestionaría a Federación Castelao.

"Tras seis anos de abandono das instalacións", os populares consideran que "chegou o momento de actuar" e acometer unha reforma integral para "revitalizar" esta praza situada xunto á Audiencia Provincial.

A concelleira tamén preguntou polos plans para a creación dunha cuberta verde sobre o aparcadoiro subterráneo da Audiencia Provincial.

No ano 2022 a Fundación Biodiversidade concedeu unha subvención para crear unha cuberta vexetal no Pazo da Cultura pero os técnicos municipais concluíron que ese xardín provocaría numerosos problemas, polo que solicitaron o cambio do proxecto ligado a ese diñeiro para a Praza da Liberdade. Segundo o PP, o Concello tampouco avanzou neste proxecto.