O PP lamenta que as bandeiras azuis sexan unha "materia pendente" en Pontevedra

Pontevedra
06 de maio 2026

O PP de Pontevedra volve esixir ao goberno local que presente un plan concreto, con prazos realistas, para conseguir estas insignias nas súas praias

Praia fluvial de Ponte Sampaio
Praia fluvial de Ponte Sampaio / Cristina Saiz

O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra lamentou que o Concello siga coa "materia pendente" de optar ás bandeiras azuis nas praias fluviais do Lérez e na de Ponte Sampaio.

O PP lembra que no ano 2022 solicitaron ao goberno local o inicio dos estudos e traballos pertinentes para que estes areais cumpran os criterios esixidos para ter bandeiras azuis.

Este recoñecemento é outorgado por un organismo independente como é a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

Este verán lucirán bandeira azul 118 praias e 38 municipios de Galicia.

A concelleira do PP de Pontevedra Raquel Martínez sinalou que contar con bandeira azul garante aos cidadáns "unha excelente calidade da auga, unha contorna segura, accesible e sostible", ademais de "acreditar o compromiso do Concello co seu mantemento e conservación".

Raquel Martínez destaca que "non é unha cuestión estética, senón unha garantía para as familias que gozan destas zonas de baño".

O PP de Pontevedra defendeu que a praia fluvial do Lérez, en pleno corazón da cidade, e a de Ponte Sampaio, na desembocadura do Verdugo, son "dous enclaves naturais de enorme valor medioambiental" e por iso considera "incomprensible" que o goberno local do BNG siga sen dar os pasos necesarios para obter esta certificación.

A edil popular apunta que os requisitos para obter a bandeira azul son "sinxelos e asumibles", pois basta con acreditar a durante polo menos catro anos consecutivos a calidade da auga, dispor dunha axeitada xestión ambiental, recollida selectiva de residuos, servizo de socorrismo, accesibilidade universal e actividades de educación ambiental.

En definitiva, o PP de Pontevedra volve esixir ao goberno local que presente un plan concreto, con prazos realistas, para conseguir estas insignias nas súas praias.