O Partido Popular de Pontevedra presentou este mércores unha nova canle de comunicación directa coa cidadanía da Boa Vila.
O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, e a responsable das áreas de Mobiliario Urbano, Acceso á Vivenda e Festas dos populares, Raquel Martínez, explicaron que con esta iniciativa pretenden "fortalecer" a comunicación directa co líder da oposición municipal.
Segundo sinalaron será posible enviar un correo electrónico a [email protected] para que o grupo municipal atenda peticións, queixas ou suxestións complementando a atención que se prestaba desde as redes sociais.
Todo co obxectivo de que os pontevedreses sexan "parte activa das propostas do grupo e facer que a súa voz se escoite nos espazos onde se toman as decisións", afirmou Martínez.
"Todas as peticións que nos fagan chegar serán tratadas nas reunións semanais dos 11 concelleiros do PP e levaranse á comisión que corresponda do Concello para buscar solucións aos problemas expostos, ou estudar as suxestións dos veciños para mellorar a calidade de vida dos pontevedreses", explicou a edil.
Pola súa banda Rafa Domínguez comprometeuse a realizar un seguimento de todas as peticións porque "para nós non vale só con denunciar".