O Partido Popular da provincia de Pontevedra desenvolve esta fin de semana unha serie de actos políticos e de convivencia nas comarcas do Salnés e Arousa para marcar o inicio da preparación cara aos vindeiros comicios locais.
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, xunto co responsable provincial, Luis López, e a secretaria xeral, Paula Prado, participaron nunhas xornadas en Ribadumia e O Grove baixo o lema “As túas ideas, o noso proxecto”.
O encontro en Ribadumia, celebrado na adega Lagar de Pintos, reuniu a un centenar de representantes institucionais, entre os que se atopaban alcaldes, deputados e conselleiros.
Durante a actividade, Rueda instou aos cargos do partido a manter o contacto directo coa veciñanza nos 61 concellos da provincia, onde a formación goberna actualmente en 25 municipios.
A programación completouse este sábado cunha andaina por diferentes puntos da península do Grove, encabezada por Paula Prado e Luis López.

Paralelamente, en Vilagarcía de Arousa, a agrupación local celebrou un xantar que congregou a duascentas persoas para apoiar a proposta de Ana Granja. A voceira estivo acompañada por Luis López e polos conselleiros María Martínez Allegue e Román Rodríguez.
Granja centrou a súa intervención na necesidade de mellorar a xestión dos servizos básicos e sinalou o obxectivo de incrementar o investimento nas parroquias do rural vilagarcián para equiparalas ao centro urbano en materia de limpeza e mantemento de instalacións.

Neste acto en Vilagarcía, o partido fixo entrega dun recoñecemento a Valentina Cerviño Villaverde en atención á súa traxectoria dentro da organización política, tanto no ámbito local como no seu paso polo Parlamento de Galicia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.