As obras de reforma do Nó de Bombeiros, en Pontevedra, levan máis de dez meses paralizadas e sen unha data concreta de continuación. Así o denunciaron este luns o portavoz municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, e a concelleira Pepa Pardo, quen arremeteron contra o Goberno central e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores polo que consideran unha "pasividade total" ante un proxecto "clave" para a cidade.
Pardo asegurou que en xuño deste ano o PP solicitou información ao Ministerio de Transportes sobre o estado das obras, a previsión de continuación e o posible sobrecusto da modificación do contrato. "La respuesta que nos dieron fue que están trabajando en la redacción de esa modificación, lo que confirma que no hay avances ni previsión de retomarlas a corto plazo. La parálisis es total", sinalou.
A edil acusou o Ministerio de estar centrado en "tapar la corrupción que asedia al Partido Socialista" e criticou que o BNG, socio do PSOE no Goberno central, permaneza "dormido" ante o que considera unha discriminación a Pontevedra. "Queremos que Lores reclame los intereses de Pontevedra en lugar de estar trabajando tan duramente por la propaganda", apuntou.
Pola súa banda, Rafa Domínguez lamentou que "Pedro Sánchez y los socialistas han abandonado Pontevedra", asegurando que non hai nin un só novo proxecto para a cidade e que os investimentos comprometidos están paralizados ou mal executados. Nese sentido, lembrou a situación da segunda fase do paseo a Marín, "de la que tampoco se sabe nada".
O portavoz popular censurou ademais a falta de iniciativa do alcalde Lores: "Es indignante que el alcalde no haya preguntado cómo están las obras del Gobierno central en Pontevedra, que no haya exigido su cumplimiento y sobre todo que los pontevedreses no sepamos a qué atenernos".

A reforma do Nó de Bombeiros, que busca mellorar o acceso á autoestrada AP-9 desde o Norte da cidade, foi adxudicada en xuño de 2023 á empresa Comsa por máis de 9,5 millóns de euros e un prazo de execución de 14 meses. A obra formalizouse en agosto dese mesmo ano, pero non foi até o 29 de xullo de 2024 cando se celebrou o acto oficial de inicio, con presenza institucional.
Con todo, aos poucos meses, a Dirección Xeral de Estradas ordenou a paralización dos traballos tras detectar problemas de seguridade no terreo, derivados de estudos xeotécnicos realizados pouco antes de iniciar a obra. Por exemplo, o solo sobre o que se proxectaba o novo ramal fora usado como vertedoiro no pasado, unha circunstancia que non se tivo en conta nos informes previos.
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, chegou a sinalar a Audasa e á exministra Ana Pastor como responsables do fallo técnico, ao non haberse realizado unha avaliación axeitada do terreo. Na primavera, Losada apuntou que o reinicio dos traballos podería producirse entre marzo e abril deste ano, algo que finalmente non ocorreu.
Desde entón, non houbo avances visibles na obra, máis aló do movemento de terras realizado na primeira fase. Actualmente, o solar permanece valado, con materiais de obra acumulados e cuberto de maleza.
