A concelleira do Partido Popular en Pontevedra, Raquel Martínez, presentou este martes unha moción dirixida á infancia que se debaterá no pleno ordinario de febreiro do Concello.
A iniciativa expón a creación do primeiro parque infantil cuberto de titularidade municipal na cidade, co obxectivo de garantir espazos de xogo accesibles durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.
Segundo explicou Martínez, Pontevedra "debe ser una ciudad pensada para las personas y especialmente para los más pequeños", pero a elevada frecuencia de días de choiva e os episodios de calor intensa limitan o uso habitual dos parques infantís ao aire libre.
Engadiu que esta situación reduce as oportunidades de xogo, socialización e actividade física dos nenos e obriga a moitas familias a recorrer a alternativas privadas de pago, como ludotecas ou centros de lecer, xerando "una desigualdad clara entre quienes pueden asumir ese coste y quienes no".
A concelleira popular enmarcou a súa proposta no contexto dos orzamentos municipais de 2026, nos que o goberno local prevé reducir a partida destinada ao programa de parques e xardíns de 2.706.867 euros a 1.831.800 euros, o que supón un recorte próximo aos 875.000 euros.
Para o PP, esta diminución resulta "especialmente injustificada" ante as necesidades de mantemento, reparación e mellora das zonas verdes e parques públicos da cidade.
"Recortar recursos en este ámbito transmite un mensaje claro de falta de prioridad hacia la infancia y las políticas familiares", afirmou Martínez, quen defendeu que a creación de novas infraestruturas públicas debe ir acompañada dun mantemento axeitado das existentes para evitar sobrecustos futuros.
A moción propón un parque infantil cuberto que sexa accesible, seguro e utilizable os 365 días do ano, seguindo exemplos xa implantados noutros municipios galegos e españois como Vilagarcía, Boiro, Lugo ou Torrelavega.
O deseño do espazo, segundo explicou, debería apostar pola sustentabilidade e a educación ambiental desde a infancia, mediante o uso de materiais ecolóxicos e reciclados, zonas verdes interiores, iluminación LED e enerxías renovables.
Ademais, o parque debería ser plenamente inclusivo, con xogos adaptados, sinalización accesible, itinerarios sen barreiras arquitectónicas e zonas de descanso tanto para os menores como para os seus acompañantes.
A proposta tamén subliña a necesidade de contar cun plan específico de limpeza, mantemento e conservación que garanta condicións óptimas de hixiene e seguridade.
"No se puede hablar de una ciudad pensada para las personas mientras se reducen los gastos destinados a los espacios donde juegan y se relacionan nuestros niños", sinalou a concelleira, quen criticou que o goberno municipal "presuma de modelo de ciudad" mentres reduce o investimento en parques e xardíns.
En canto á fórmula para levar a cabo o proxecto, Martínez aclarou que o PP está aberto tanto a cubrir algún dos parques infantís xa existentes como a construír un novo.
"Lo que proponemos es que haya un parque infantil cubierto en Pontevedra. Las dos opciones son viables y deberán valorarse con criterios técnicos y presupuestarios", explicou.
O Partido Popular confía en que a moción conte co respaldo do resto de grupos municipais e sexa aprobada por unanimidade no próximo pleno. "Un parque infantil cubierto no es un capricho, es una política pública de apoyo real a las familias", concluíu Martínez.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.