O portavoz municipal do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, levará ao pleno do próximo luns unha moción para reclamar medidas urxentes que melloren a limpeza viaria e a xestión dos residuos na cidade.
Domínguez sostén que a sucidade segue sendo unha das principais preocupacións entre veciños e comerciantes, a pesar da entrada en vigor do novo contrato de lixos.
Segundo explicou, "é unha queixa constante que recibimos de veciños e veciñas de todas as rúas, barrios e parroquias e que, lonxe de mellorar, agravouse nos últimos tempos".
O líder popular considera que a limpeza é un servizo esencial pola súa incidencia na calidade de vida, na conservación do espazo público, así como na imaxe que proxecta Pontevedra ante peregrinos e turistas.

Nese sentido, lamentou que o mobiliario urbano estea deteriorado por falta de mantemento e as rúas e prazas do centro urbano teñan sucidade acumulada, provocando a proliferación de ratas.
Domínguez lembrou que o novo contrato de limpeza chegou tras oito prórrogas do anterior e foi presentado polo Goberno local como a solución definitiva a este problema.
Con todo, reprochou que se estea realizando "un gasto económico tan elevado" con resultados que "non se corresponden co que ven os veciños cada día".
O contrato, valorado en 238 millóns de euros, supón un investimento próximo aos 12 millóns anuais, un 40% máis que o anterior.
Para o portavoz do PP, esa cifra obriga a garantir un cumprimento estrito do servizo xa que "os pontevedreses merecen unha cidade limpa e coidada".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.