O proceso de mellora de todos os parques infantís de Pontevedra que ten en marcha o Concello terá a súa próxima parada na Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, onde se fará un investimento de 145.000 euros.
Así o deu a coñecer este venres o concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, no marco dunha visita ao renovado parque infantil da Illa do Covo.
Moreda explicou que neste parque non só haberá actuacións de conservación e mantemento, senón tamén ampliación. Vaise mellorar a área de xogos e tamén se acometerá unha mellora ambiental da zona, que consiste en pechar unha área de actuación de 650 metros cadrados onde vai o parque e aumentar os xogos actuais.
A actuación sairá a licitación nos próximos días e as empresas que se presenten serás as encargadas de propoñer que xogos se van instalar, sempre "tendo que cumprir unha serie de requisitos", que pasan por xogos adaptados e condicións de accesibilidade. Ademais, vanse instalar mesas con bancos e tres bancos independentes.
Unha vez contratada a actuación, a mellora do parque e da contorna terá un prazo de execución de dous meses.
O concelleiro visitou a Illa do Covo e indicou que, con este, xa remataron a mellora de sete parques de xogo dentro dese proxecto de diagnose e mellora destas zonas de lecer. Ademais do estado da situación actual, dentro desta actuación tamén se está a analizar como adaptar os parques á normativa de seguridad para os nenos.
A da Illa do Covo é, en opinión de Moreda, "a intervención máis vistosa", porque é un parque moi utilizado e ten peculiaridades como a súa fabricación en madeira con pezas feitas para esta zona.
A actuación supuxo un investimento de 46.646 euros e "xa queda certificado para cumprir as normativas de seguridade".
Acometeuse unha mellora integral, con reparación do pavimento, reposición de grava e xabre, reposición das travesas de contención dos pavimentos, restauración e pintado dos elementos de xogo e restauración do mobiliario.