A Praza da Verdura acollerá o acto "Cantar a nación" polo aniversario do Himno Galego

Pontevedra
15 de decembro 2025

Será o mércores 17 de decembro, ás 20.00 horas. A música correrá a cargo do grupo Maravallada.

'Cantar de Reis' do grupo Maravallada na praza da Ferrería
'Cantar de Reis' do grupo Maravallada na praza da Ferrería / PontevedraViva

O vindeiro día 20 de decembro cúmprense 118 anos da primeira interpretación do Himno Galego, que tivo lugar no Gran Teatro da Habana en 1907, un momento histórico que marcou a identidade colectiva do pobo galego.

Para lembrar esta data tan sinalada, Vía Galega e a Federación Galiza Cultura organizan un ano máis a iniciativa "Cantar a nación", cun programa de actos en distintas cidades e vilas do país arredor do 20 de decembro. O obxectivo é conmemorar a estrea do himno e reclamar a restitución da súa letra orixinal, tal e como a escribiu Eduardo Pondal.

En Pontevedra, a cita será o mércores 17 de decembro ás 20.00 horas na Praza da Verdura, onde a música correrá a cargo do grupo Maravallada.

Como no resto das convocatorias, darase lectura a un manifesto e o acto rematará coa interpretación completa do Himno Galego segundo o texto auténtico de Pondal.

Desde as entidades organizadoras lembran que estes actos forman parte dun traballo continuado para difundir os símbolos nacionais galegos (o himno e a bandeira) fronte ao que consideran un proceso de "intensa e acelerada españolización". Con todo, subliñan que o principal propósito é "difundir e socializar a letra fidedigna do Himno Galego".

Rafael Iglesias, portavoz de Vía Galega en Pontevedra, cualifica de "inadmisible" que, máis de 40 anos despois da aprobación da Lei de Símbolos de Galiza, siga sen restaurarse oficialmente a versión correcta do himno. Iglesias lembra que xa hai máis de tres décadas que o profesor da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro documentou os erros e alteracións alleas á vontade de Pondal, sen que ata o de agora se produciran avances significativos, malia as iniciativas parlamentarias presentadas desde 1996.

En 2023, Vía Galega e Galiza Cultura impulsaron unha Iniciativa Lexislativa Popular que reuniu preto de 16.000 sinaturas para poñer fin a esta situación. A proposta foi rexeitada polos votos de PP e PSOE, contando unicamente co apoio do BNG, aínda que daquela se acordou crear unha comisión parlamentaria que permanece paralizada.

Nas últimas semanas, as entidades tiveron coñecemento dun informe da Real Academia Galega que avala a restitución da letra orixinal do himno, reforzando así as reclamacións feitas desde hai anos. Por iso, instan agora ao Parlamento galego a asumir a súa responsabilidade e dar os pasos necesarios para reparar o que consideran unha anomalía histórica.