Prazo de inscrición aberto para o campamento urbano de Caldas de Reis

Umia
08 de xullo 2020

O campamento urbano celebrarase do 27 ao 31 de xullo e poden participar menores nados entre os anos 2005 e 2013, ambos incluídos. A reserva de praza debe realizarse antes do 21 de xullo, tras solicitar cita previa de xeito presencial nas dependencias da Oficina Municipal de Información Xuvenil ubicadas no Concello

Caldas de Reis
Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis abre o prazo de inscrición para participar no no campamento urbano que se celebrará do 27 ao 31 de xullo e para o que se poden apuntar menores nados entre os anos 2005 e 2013, ambos incluídos.

A reserva de praza debe realizarse antes do 21 de xullo, tras solicitar cita previa de xeito presencial nas dependencias da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) ubicadas no Concello.

O impreso de inscrición pode descargarse da sección de novas da páxina web municipal www.caldasdereis.com/novas. Tamén se pode solicitar información previa a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 986 540 110 (extensión 5).

O campamento urbano é unha actividade xestionada pola concellería de Cultura e Xuventude de Caldas de Reis que, segundo expoñen desde fontes municipais, "favorece a participación dos rapaces e rapazas en múltiples actividades cun forte compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre".

O horario das actividades incluídas no campamento será de 10.00 a 13.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas polas tardes. O lugar de chegada e recollida dos cativos establécese no Auditorio Municipal de Caldas. Calquera variación en horarios ou lugar será comunicada aos pais e nais con antelación.

A concelleira de Cultura, María López, puxo de manifesto o esforzo do goberno municipal por facilitar o conciliación da vida laboral e familiar ao longo do verán con actividades coma esta durante a época estival.

O campamento tamén busca contribuír ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas mediante a aprendizaxe permanente, a participación, o compañeirismo e a convivencia, así como a integración da infancia sexa cal sexa a súa condición persoal, sociocultural ou económica.

O Concello de Caldas de Reis organizará o campamento urbano coas adaptacións necesarias, tanto no aforo, como no ámbito das actividades e nas instalacións co obxectivo de velar pola seguridade dos participantes e pola calidade da programación.

A organización asumirá e implementará todos os protocolos establecidos tanto polo Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade sobre campamentos e actividades de ocio, obrigando tamén aos participantes a cumprir as medidas hixiénicas de carácter persoal. Entre outras, os participantes deberán chegar ao comezo da actividade con máscara de cara e deberán levala posta en todo momento sempre que non se poida garantir a distancia interpersoal.