Premian á Fundación Galega contra o Narcotráfico coa máxima distinción policial

O Salnés
29 de setembro 2017

O Ministerio do Interior concedeu á Fundación Galega contra o Narcotráfico a Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco en recoñecemento á súa traxectoria e a importancia do labor desenvolvido pola entidade en materia de prevención do consumo de drogas, sensibilización social e loita contra o narcotráfico desde a sociedade civil  

Alfonso Rueda e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro
Alfonso Rueda e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro / Xunta de Galicia

O Ministerio do Interior concedeu á Fundación Galega contra o Narcotráfico a Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco en recoñecemento á súa traxectoria e a importancia do labor desenvolvido pola entidade en materia de prevención do consumo de drogas, sensibilización social e loita contra o narcotráfico desde a sociedade civil. 

O galardón outorgouse a proposta da Xefatura Superior de Policía de Galicia e entregarase o vindeiro luns 2 de outubro no transcurso dos actos de celebración dos Anxos Custodios, patrón da Policía Nacional, no Teatro Colón da Coruña. 

O presidente da Fundación, Manuel Couceiro, valorou que "sen ningunha dúbida, trátase dunha honra e unha gran satisfacción" para a súa entidade recibir este recoñecemento, sobre todo vindo da Policía Nacional, "unha institución esencial para a seguridade de todos e duns profesionais valorados por toda a sociedade, aos que tanto debemos, moi especialmente na loita antidroga e en Galicia".

Desde a súa creación hai dúas décadas en Vilagarcía de Arousa, a fundación mantén unha estreita colaboración coas forzas e corpos de seguridade do Estado a través de actividades como a organización de xornadas, congresos e encontros profesionais para impulsar e mellorar a eficacia da loita contra o narcotráfico en toda España e, en particular, en Galicia.