Premian obras creativas con produtos da terra no concurso fotográfico 'Comemos polos ollos'

Pontevedra
17 de xuño 2020

Esta proposta enmarcábase dentro da campaña 'Pontevedra provincia na túa cesta', da Deputación Provincial, coa intención de fomentar a compra de produtos de proximidade. Presentáronse 90 fotografías a concurso a través das redes sociais Instagram e Twitter

'Choco da ría', fotografía premiada en 'Comemos polos ollos' no apartado 'Ao natural'
'Choco da ría', fotografía premiada en 'Comemos polos ollos' no apartado 'Ao natural'

A gastronomía das Rías Baixas quedou reflectida en 90 fotografías que se presentaron ao concurso 'Comemos polos Ollos', que puxo en marcha a  Deputación de Pontevedra dentro da campaña 'Pontevedra provincia na túa cesta', que ten como finalidade promocionar ao comercio local.

Un xurado composto por persoal técnico de Turismo Rías Baixas e do Servizo de Comunicación Institucional escolleu as sete fotografas gañadoras ao entender que son as que mellor representan a variedade de materias primas que ofrecen as Rías Baixas, a horta e os campos de cultivo da provincia.

Na categoría 'Ao natural' seleccionáronse tres imaxes, outras tres no apartado de 'Preparados' e o xurado concedeu unha mención especial á mellor composición fotográfica, que recaeu na usuaria @margapazos. As persoas gañadoras obterán sete lotes de produtos Rías Baixas cun valor de 70, 90 e 120 euros.

A maior participación neste concurso realizouse a través da rede social Instagram con 65 fotografías mentres que en Twitter participaron 25 imaxes. Os gañadores foron escollidos pola súa creatividade, a mestura entre produtos de costa e interior e pola innovación das propostas.

A lista das persoas gañadoras pode consultarse na acta de resolución do concurso.