Novo premio á calidade e excelencia da unidade de esterilización de Montecelo

Pontevedra
21 de febreiro 2025

Este recoñecemento foi entregado no Hospital Montecelo pola empresa 3M España, grazas á adopción da monitorización biolóxica en cada carga, un método que garante a máxima seguridade para os pacientes

Visita de alumnado do ciclo de TCAE do CPR San Narciso de Marín á central de esterilización de Montecelo
Visita de alumnado do ciclo de TCAE do CPR San Narciso de Marín á central de esterilización de Montecelo / Sergas

Quinto ano consecutivo de premio para a unidade de Esterilización do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP). Acaba de ser recoñecida, unha vez máis, pola calidade e excelencia operativa nos procesos realizados na súa central.

Esta central de esterilización sanitaria pública pontevedresa procesou o pasado ano 2024 máis de 81.000 paquetes para dar servizo á área sanitaria.

A empresa 3M España entregou o galardón esta semana no Hospital Montecelo a esta unidade por acadar os máis altos estándares de manexo e xestión nos procesos de esterilización do aparataxe cirúrxico, grazas á adopción da monitorización biolóxica en cada carga, un método que garante a máxima seguridade para os pacientes.

Este recoñecemento, que o CHUP vén obtendo desde o ano 2019, ratifica o compromiso da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés coa seguridade e coa excelencia nos procedementos hospitalarios.

Esta distinción foi recibida por Tamara Rey Vázquez, actual supervisora da área de Esterilización de Montecelo, quen sinalou que "a calidade e a seguridade dos pacientes é para todo o equipo deste servizo unha prioridade na asistencia sanitaria".

Esta central de esterilización recibiu este venres a visita de alumnado do ciclo formativo de grao medio en Técnica/o en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE), do CPR San Narciso de Marín, centro que leva varios anos facendo esta actividade en colaboración coa Unidade de Docencia e Formación Continuada da área sanitaria.

O alumnado tivo a oportunidade de ver o traballo incansable na unidade de Esterilización de Montecelo, para que os procesos que efectúa durante todo o ano cumpran cos máis altos requisitos de eficiencia, seguridade e calidade.

O principal obxectivo é manter a esterilización baixo control, minimizando a variabilidade nos procesos, hixienizando e preservando o material cirúrxico de forma rigorosa, así coma garantindo a súa recepción, custodia e entrega nas diversas áreas asistenciais en condicións óptimas.

A Consellería de Sanidade ten en marcha a licitación da subministración e instalación do equipamento integral da central de esterilización do Hospital Novo Montecelo por un importe de 2.312.273 euros.