Premio nacional ás boas prácticas da UCI de Neonatos do Hospital Provincial

Pontevedra
03 de outubro 2023

O grupo internacional Chiesi outorga este galardón pola xestión que efectúa a UCI neonatal pontevedresa dos impactos tanto asistenciais, coma ambientais e sociais, fomentando un compendio de boas prácticas de organización operativa da unidade. Conseguiu colaborar coa Axenda 2030 da ONU 

Traballadores da UCI de Neonatos do Hospital Provincial
Traballadores da UCI de Neonatos do Hospital Provincial / Sergas

A Unidade de Coidados Intensivos Neonatais (UCI) do Hospital Provincial de Pontevedra acaba de ser recoñecida entre candidaturas de centros sanitarios de toda España cun premio nacional á súa sustentabilidade operativa.

O grupo internacional Chiesi outorga este galardón pola xestión que efectúa a UCI neonatal pontevedresa dos impactos tanto asistenciais, coma ambientais e sociais, fomentando un compendio de boas prácticas de organización operativa da unidade.

A unidade neonatal participou cun proxecto orientado a utilizar os recursos dispoñibles minimizando o impacto medio ambiental. A iniciativa, presentada pola doutora Raquel Martínez Lorenzo, parte dunha valoración xeral da unidade coa participación de todo o persoal que traballa nela.

Con este traballo, a UCI neonatal pontevedresa conseguiu colaborar coa Axenda 2030 da ONU na consecución dos seguintes obxectivos de desenrolo sostible: saúde e benestar, educación de calidade, auga limpa e saneamento, enerxía asequible e non contaminante e produción e consumo responsables.

O galardón valorou o labor de todo un equipo multidisciplinar, que optimizou a xestión enerxética e o reciclaxe da unidade cunha serie de medidas postas en marcha na que se implica a todo o persoal relacionado coa mesma.

O doutor José Antonio Couceiro Gianzo, Xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés salienta que este premio nacional "referenda a humanización da atención e o traballo de equipo que prestamos na nosa UCI aos recentemente nados prematuros e ás súas familias".

"Os nosos sistemas de sustentabilidade e compromiso asistencial e medioambiental tamén colaboran a reducir a duración das estadías dos neonatos na unidade, e con iso os potenciais riscos de infección, mellorando a calidade de vida dos meniños e os seus pais, que poden recuperar paulatinamente unha vida máis normal", sinala o doutor.

Este premio nacional contribúe a dar visibilidade ás novas tecnoloxías implementadas polo centro sanitario para asegurar a mellor atención dos bebés.