Premio Nacional de Educación para o IES Ramón Cabanillas por un proxecto iniciado co tecido con gancho

O Salnés
17 de xuño 2024

A Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), adscrita ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, xunto co Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deporte anuncia a entrega deste Premio para o Desenvolvemento 'Vicente Ferrer'  para a proposta 'Tecendo os fíos dos obxectivos de desenvolvemento sostible' do centro cambadés

Día de tecer en público
Día de tecer en público / IES Ramón Cabanillas de Cambados

O proxecto 'Tecendo os fíos dos obxectivos de desenvolvemento sostible', impulsado desde o IES Ramón Cabanillas de Cambados, logrou o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento 'Vicente Ferrer'.

Este premio está promovido pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), adscita ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, en colaboración co Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deporte.

A proposta iniciábase cunha actividade colectiva tanto para estudantes como para profesorado que se realizaba en tempos de lecer a través da práctica do tecido con gancho baixo o título "Recreos con gancho".

Despois púxose en marcha "Engánchate á Igualdade, unha actividade á que tamén se sumaban familias con estudantes do centro e dos colexios CEIP de Corvillón e do CEIP bilingüe Enrique Barreiro Piñeiro de Vilariño. 

Entre todos elaboraron unha colcha que se instalaba no balcón do Concello de Cambados como símbolo de igualdade durante os actos do 8 de marzo.

Durante estes días traballan coa proposta "Activistas con Gancho" realizando manguitos sensoriais para persoas con alzheimer e participando na campaña mundial "A túa puntada ten un Fío" contra a violencia sexista.

Tamén levou a cabo a primeira Edición do Día Mundial de Tecer en público en Cambados coa participación de alumnado e profesorado dos colexios que participan nestes proxectos, ademais da Asociación das Saiñas de Castrelo, Asociación Con de Xido de Castrelo, Asociación A Seca de Corbillón e Asociación O Batuqueiro de Vilariño.

Todo este proxecto busca a participación activa do alumnado coa sociedade local a través de labores tradicionais ao mesmo tempo que se traballan conceptos como a igualdade de xénero, o consumo responsable ou o respecto polo medio ambiente, entre outros.