Premio ao Servizo de Dixestivo de Pontevedra como referente en proxectos de IA aplicada á saúde pública

Pontevedra
16 de outubro 2025
Actualizado: 11:38

O seu grupo de investigación, IDARA, vén de ser recoñecido cun premio no prestixioso Fórum RIES 25 grazas ao seu innovador proxecto Aidatamed

Premio ao Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra
Premio ao Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra / Sergas

O Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra está de noraboa. O seu grupo de investigación, IDARA, vén de ser recoñecido cun premio no prestixioso Fórum RIES 25 grazas ao seu innovador proxecto Aidatamed, que aposta pola intelixencia artificial ao servizo da saúde.

Aidatamed é unha iniciativa pioneira que xorde da experiencia de IDARA no uso da IA xerativa, unha rama da intelixencia artificial capaz de crear contidos e datos novos. Neste caso, o obxectivo é xerar datos sintéticos que permitan avanzar na investigación médica sen poñer en risco a privacidade das persoas.

A gran vantaxe destes datos sintéticos é que imitan os datos reais pero sen identificar a ninguén. Así, pódese investigar con maior liberdade, reducir burocracia e incluso abrir novas portas no estudo de doenzas pouco frecuentes.

Todo isto, grazas a un equipo multidisciplinar formado por médicos, sociólogos, demógrafos, enxeñeiros informáticos e biotecnólogos, que traballan man a man para garantir a calidade e a validez dos resultados.

O proxecto está financiado pola convocatoria 2024 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, promovido polo Goberno de España, e forma parte dos espazos de datos que buscan modernizar e dixitalizar o sistema sanitario.

Non é a primeira vez que o grupo IDARA brilla no eido da innovación en saúde. Xa no pasado desenvolveron AICOMTA, unha ferramenta de apoio á toma de decisións médicas baseada en IA e validada por profesionais sanitarios.

A súa finalidade é mellorar a comunicación coa Atención Primaria e facilitar o traballo clínico. Este proxecto tamén foi galardoado, recibindo o premio E-nnova Health 2024 ao mellor proxecto de intelixencia artificial en saúde.

O Fórum RIES 25 continúa este xoves na illa da Toxa, reunindo líderes nacionais e internacionais do ámbito da saúde e da tecnoloxía.