Os centros de Atención Primaria de O Grove, Vilanova de Arousa, Cambados, Bueu e de Virxe Peregrina en Pontevedra recibiron este xoves na Consellería de Sanidade cinco premios polo impulso asistencial e a dimensión profesional dos seus Plans Locais de Saúde vixentes na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
A Consellería de Sanidade premiou 26 prácticas xurdidas a través destes documentos, galardoando a 23 servizos de Atención Primaria autonómicos en categorías que abranguen dimensións comunitarias, de procesos, docentes así coma eidos profesionais e dos propios pacientes
Segundo deixaron patentes nas súas respectivas intervencións os profesionais dos equipos multiprofesionais dos centros de saúde de Cambados e Bueu, estes premios poñen en valor o traballo en equipo interdisciplinar: por unha banda persoal médico, de enfermaría, fisioterapia, nutricionistas, farmacéuticas, matronas, auxiliares e administrativos, e doutro residentes MIR e EIR e alumnos de Medicina e Enfermaría que aportan valor asistencial a estes centros de Atención Primaria en Bueu e en Cambados.
Pola súa banda, o centro de saúde pontevedrés de Virxe Peregrina tamén recibiu onte nos servizos centrais do SERGAS en Santiago de Compostela un premio pola súa capacidade investigadora no eido da Atención Primaria.
Segundo destacou a súa xefe de servizo, a doutora Coro Sánchez Hernandez, "melloráronse os circuítos de xestión interna, desenvolvendo plans de acollida a profesionais, aumentando o número de publicacións e participando en proxectos de investigación competitivos”
Así mesmo, o centro de saúde de Vilanova de Arousa recibiu un premio á promoción da docencia. Durante a súa intervención, o seu coordinador, o doutor Antonio Regueiro Martínez, sinalou que "potenciamos a labor dos nosos titores docentes tanto de MIR como de alumnos de grao. Queremos agradecer e valorar o gran traballo en equipo que se desenvolve no noso centro de saúde, cunha orientación permanente aos pacientes e aos profesionais, tentando desenvolver todas as potencialidades asistenciais e docentes posibles”.
Na modalidade de premios a proxectos de investigación singulares en Atención Primaria, o equipo multiprofesional do centro de saúde do Grove -composto pola traballadora social María Xema Garcimartín García, a farmacéutica María Pilar Riande González, e a dietista- nutricionista Lorena Afonso Martínez- recibiu o galardón polo seu proxecto de abordaxe Interdisciplinar dos pacientes diagnosticados de Hiperuricemia.
Segundo sinalaron estas profesionais, o equipo de traballo estableceu un programa de seguimento e educación a doentes no Centro de Saúde do Grove, optimizando o manexo farmacolóxico e non farmacolóxico da Hiperuricemia, controlando comorbilidades coma hipertensión arterial e enfermidade renal crónica.
