O Concello de Caldas de Reis está especialmente pendente da situación de incerteza da residencia de maiores tras recibir a comunicación da congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados sobre a súa intención de deixar de xestionar o centro.
Ante esta circunstancia, técnicos municipais traballan na elaboración dun informe que recolla as medidas a tomar para asegurar que o servizo continúe funcionando.
O alcalde, Jacobo Pérez, subliñou a relevancia deste asilo, pioneiro na comarca, que actualmente atende a máis de 70 persoas e emprega a 36 traballadoras.
O rexedor destacou o papel social e dinamizador da residencia durante a súa visita a un concerto organizado pola Coral da Asociación de Xubilados e Pensionistas, celebrado nas propias instalacións, situadas na avenida Pedro Mateo Sagasta, de Caldas.
O Concello agradeceu o labor exemplar das Hermanitas de los Ancianos Desamparados ao longo dos seus máis de 130 anos de dedicación, resaltando a súa entrega e vocación de servizo como referente no coidado das persoas maiores.
Pérez anunciou que se manterán encontros coa comunidade e co persoal do asilo para buscar a mellor solución posible, cun compromiso explícito de actuar con responsabilidade e transparencia.