Preocupación na comunidade escolar pola caída de cascotes no CEIP A Lomba

O Salnés
03 de novembro 2025
Actualizado: 17:43

A ANPA esixe accións urxentes tras novos desprendementos na fachada do colexio. O Concello de Vilagarcía confirma causas estruturais e reclama a intervención da Xunta

Zona de entrada do CEIP A Lomba onde houbo desprendemento de cascotes ANPA A Xunqueira do CEIP A Lomba

A comunidade educativa do CEIP A Lomba, en Vilagarcía de Arousa, alerta sobre a inseguridade provocada polos recentes desprendementos de cascotes e planchas metálicas na fachada do edificio principal.

Segundo informa a ANPA A Xunqueira, os incidentes déronse durante a fin de semana, sen afectar a persoas, pero suscitan preocupación polo deterioro das infraestruturas e a falta de resposta institucional ante as reiteradas demandas de mantemento.

Nun comunicado, a ANPA lembra que xa advertira en agosto á Xefatura Territorial sobre a ausencia de investimentos que garantan a seguridade do alumnado, sen obter contestación.

Por iso instan ao Concello e á Consellería de Educación a realizar unha supervisión e valoración inmediata do estado da fachada e da cuberta, co obxectivo de asegurar o uso seguro das instalacións.

Pola súa banda, o Concello de Vilagarcía remitiu á Consellería un informe técnico elaborado polo arquitecto municipal tras a inspección realizada este luns, onde se detallan varias patoloxías no edificio que explican tanto as filtracións de auga como os desprendementos.

O diagnóstico revela que os problemas non se deben á falta de mantemento ordinario, senón a defectos estruturais de orixe construtivo.

Segundo o informe, as piastras de fachada, de fábrica de ladrillo e dúas plantas de altura, presentan fisuras que permiten o paso da auga e aceleran o deterioro dos materiais. Detéctase ademais que os canlóns, mal dimensionados, e as chapas de remate entre cuberta e canlón, non garanten a impermeabilización, agravando as filtracións.

O técnico sinala que parte dos danos pode deberse a unha execución deficiente das obras ou á progresiva deformación do edificio ao longo do tempo, evidenciando que xa se aplicaron reparos como pinturas de caucho que hoxe se atopan degradadas.

Respecto ao desprendemento de fragmentos, apúntase á pouca adherencia do revestimento á base, á escaseza de material protector e ás dilatacións causadas pola exposición á climatoloxía.

O resultado son problemas de seguridade e tamén estéticos, coas xuntas de ladrillo á vista polos fallos de illamento.

Á espera da inspección da Xunta, prevista para as vindeiras horas, a dirección do centro, en contacto coa portavoz do goberno local, está a buscar alternativas de acceso para evitar a entrada principal, zona afectada polos desprendementos, a expensas das indicacións da Consellería de Educación.

A situación mantén en alerta a toda a comunidade escolar, que demanda solucións urxentes para garantir a seguridade de estudantes e do persoal do centro.