A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, mantivo unha reunión con representantes das ONGs da vila de Marín para analizar con elas a situación xeral a nivel asistencial no municipio, da que eles son tamén unha parte fundamental.
Despois de facer un balance moi positivo das accións solidarias que se levaron a cabo durante as datas de Nadal, Sanmartín quixo facer agradecer a SOS Marín "todo o tempo que estuvieron en activo, realizando un labor esencial", un agradecemento ao que se sumaron o resto de entidades, que tamén colaboraron coa xa extinta ONG na reubicación das súas familias.
Precisamente, con respecto a este punto, realizouse un seguimento por parte do departamento de Servizos Sociais para comprobar cada caso e tamén aproveitouse para facer un repaso da listaxe de usuarios que hai en cada ONG, "xa que detectamos nalgúns casos duplicidades", explicaron os representantes das organizacións.
FALTA DE VOLUNTARIADO E RELEVO XERACIONAL
Todas as asociacións apuntan, de novo, ao gran reto que teñen por diante: a falta de voluntariado, sumado á falta de relevo xeracional. "En xeral, a media de idade das persoas que están implicadas é elevado", explica a concelleira.
Desde o Concello, animan á cidadanía a que se achegue a estas entidades, que se involucre na solidariedade.