Preocupación no BNG polo peche de consultas médicas en horario de tarde no Centro de Saúde de Marín

Marín
01 de xullo 2022

A agrupación nacionalista denuncia que desde este 1 de xullo o Centro de Saúde de Marín experimentará un "novo recorte no seu funcionamento", xa que debido á falta de persoal facultativo suspenderán as consultas médicas en horario de tarde nos meses de verán. Piden a intervención da alcaldesa María Ramallo ante esta decisión da Consellería de Sanidade

Protesta con participación do BNG ante os recortes sanitarios en Marín BNG de Marín

Este venres 1 de xullo suspéndense as consultas médicas en horario de tarde no Centro de Saúde de Marín durante os meses de verán. Unha situación que é denunciada polo BNG de Marín que lamente este "novo recorte no funcionamento" do centro sanitario.

Lucía Santos, portavoz da agrupación nacionalista, indica que nos últimos días o Punto de Atención Continuada (PAC) foi atendido por persoal médico de Bueu, provocando que este municipio veciño quedase sen servizo de urxencias e obrigando aos residentes en Bueu a trasladarse a Marín en caso de emerxencia médica.

Para Santos esta situación mostra os problemas na atención sanitaria derivada da "política de recortes" e da "privatización" que aplica a Xunta de Galicia nos últimos 13 anos. Alerta de que o persoa sanitario resulta insuficiente para atender as demandas da poboación causando listaxes de espera de semanas; con liñas telefónicas saturadas; persoas con doenzas crónicas que carecen de boa atención; demoras nas revisións de pediatría; e esperas de meses para atención de fisioterapia ou para consulta do dentista.

Lembra que a poboación marinensa, de aproximadamente 24.000 persoas, increméntase durante os meses de verán e por este motivo pide á alcaldesa María Ramallo que demande á Consellería de Sanidade unha dotación de persoal sanitario necesario para garantir unha atención sanitaria de calidade nos centros de saúde de Marín e de Seixo.